Sunday 28 de April de 2024

Galicia acollerá en xullo o Encontro de Comunidades Autónomas e Cooperación para o Desenvolvemento, cunha sesión monográfica sobre acción humanitaria


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento en Madrid

Galicia será este ano a sede do IX Encontro de Comunidades Autónomas e Cooperación para o Desenvolvemento, que está previsto celebrar en Santiago de Compostela os días 14 e 15 de xullo, e que dedicará unha sesión monográfica á acción humanitaria por tratarse dun ámbito de actuación que comparten todas as comunidades autónomas.
Así o anunciou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo na reunión da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento, que tivo lugar hoxe en Madrid e que foi presidida polo Secretario de Estado de Cooperación Internacional e para Iberoamérica, Jesús Gracia.
Un dos temas centrais tratados na reunión foi o Convenio asinado en 2015 entre a Comunidade Autónoma de Galicia, a AECID e outras cinco comunidades autónomas para a programación conxunta en materia de acción humanitaria. Dito convenio supuxo a creación dun fondo común para o financiamento conxunto de actuacións neste eido, xestionado entre a Oficina de Acción Humanitaria da AECID e as comunidades autónomas asinantes, que se nutrirá coas dotacións anuais previstas para tres anos (2015-2017) e que se concretan nun millón de euros da AECID e 50.000 euros de cada unha das comunidades autónomas para cada ano.
Desde o 1 de decembro de 2015 ao 31 de maio de 2016, Galicia ostentou a presidencia semestral rotatoria da Comisión de Coordinación das actuacións que levan a cabo no marco do citado convenio en materia de acción humanitaria. Por ese motivo, o pasado 14 de abril celebrouse en Santiago de Compostela a reunión anual para planificar as actuacións conxuntas que se van financiar coa anualidade 2016.
En primeiro lugar decidiuse dotar con 300.000 euros un Fondo de Continxencias que permita actuar en caso de emerxencias sobrevindas. Decidiuse tamén que o resto do orzamento repartirase a partes iguais (500.000 euros para cada un) entre dous proxectos, un de colaboración coa Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos (UNRWA) para o avance da seguridade alimentaria e medios de vida para a poboación refuxiada de orixe palestina desprazada por mor do conflito sirio, e outro que dará continuidade a unha intervención financiada o ano pasado, a través da cal se colaborará coa o Programa Mundial de Alimentos (PMA) nos Campamentos de Refuxiados Saharauís para apoiar a cesta básica de alimentos secos que se entrega anualmente a estes refuxiados nos cinco campos das proximidades de Tindouf, en Alxeria.
Outro dos puntos do orde do día da reunión foi ao relativo ás perspectivas para a aplicación en España da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Jesús Gracia sinalou o papel relevante que a Administración Autonómica e a Local poden xogar no ámbito da sensibilización sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que perseguen poñer fin á pobreza, loitar contra a desigualdade e a xustiza e facer fronte ao cambio climático.
A Comisión Interterritorial de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento é o órgano consultivo e de coordinación, concertación e colaboración entre as administracións públicas que levan a cabo accións de cooperación ao desenvolvemento. Está presidida polo secretario xeral de Cooperación Internacional, Gonzalo Robles, e conta con representantes de diferentes departamentos da Administración Xeral do Estado, das Comunidades Autónomas e das Entidades locais.